É obvio que cando estamos a falar do sistema educativo e do proceso ensino-aprendizaxe temos que mencionar o currículo. O currículo é a base da educación, trátase da regulación dos elementos que determinan os procesos de ensino e aprendizaxe para cada unha das ensinanzas. Os elementos principais de todo currículo son: obxectivos, competencias, contidos estándares de aprendizaxe avaliables, criterios de avaliación e metodoloxía. Como ben sabemos a elaboración e organización do currículo pasa por diferentes directrices e organismos dende o goberno de Estado, o Ministerio de Educación ou Goberno Autonómico ata os centros educativos.
No que respecta ás linguas estranxeiras, en concreto á primeira lingua estranxeira, o Estado encárgase de fixar as horas lectivas mínimas e determinar os contidos e os estándares de aprendizaxe, ademais de determinar os criterios de avaliación de logro dos obxectivos. Sen embargo a avaliación dos contidos é cousa do Ministerio, e deseña as probas de avaliación final e determina as súas características. O horario lectivo máximo establéceo o goberno Autonómico e complementa contidos e criterios de avaliación. E os centros encárganse de complementar os contidos, determinar a carga horaria ou deseñar os métodos didácticos.
Como obxectivo xeral de todo currículo da ESO en linguas estranxeiras de acordo coa LOMCE destaca o de entender e expresarse nunha ou máis linguas estranxeiras de xeito apropiado. Mentres que para o Bacharelato é expresarse con fluidez e corrección nunha ou máis linguas. No tocante á metodoloxía para a ESO cómpre destacar aquela na que se fomente o traballo individual e cooperativo do alumnado, é dicir de maneira activa e participativa, que teña un enfoque multidisciplinar coordinado e que atenda ás necesidades individuais de todos os alumnos. Débese fomentar o uso das tecnoloxías e tamén unha correcta expresión oral e escrita, así como a comunicación audiovisual. Sen embargo no Bacharelato destacan o pensamento crítico e autónomo e o traballo individual e colectivo.
Un punto forte do currículo é o número de horas que se deben dar dunha lingua estranxeira nos centros, que no caso da ESO son 3 horas para a primeira lingua estranxeira e de 2 horas na segunda lingua estranxeira nos tres primeiros cursos, mentres que en cuarto son 3 horas. No que ó Bacharelato respecta o número de horas da primeira lingua é de tres horas tamén, pero no caso da segunda lingua serían dúas horas en primeiro e tres en segundo. Penso que o número de horas fixadas debería poder ser modificado polo centro, si debería de haber un número mínimo de horas que fixaría o Estado pero non só o Goberno Autonómico debería fixar as horas máximas, coido que o centro debería poder ter responsabilidade ó respecto, porque dependendo das características do curso e mesmo da aula poderían necesitar algunha horas máis ou non. Na miña opinión os centros deberían poder tomar tamén decisións que moitas veces toma o Goberno Autónomo, ó igual que o centro pode adaptar o currículo para aqueles alumnos con necesidades especiais. Ademais na miña opinión tres horas non son suficientes para a boa adquisición dun idioma posto que para conseguir un bo ritmo nunha lingua estranxeira ou conseguir os obxectivos que o currículo nos pide, sería necesario ter clases de idiomas os cinco días da semana ou ter dúas horas máis á semana nas que se traballe a expresión oral e os alumnos poidan contar con mestres nativos, o que se coñece como auxiliares de conversa.
Para rematar tanto avaliación da ESO como a de Bacharelato é unha avaliación continua, integradora e adáptase a avaliación ó alumnado con necesidades específicas. O alumno conta cunha avaliación obxectiva e no caso das avaliacións finais a primeira é obrigatoria e a segunda é optativa.