Unha das probas a nivel global á que ultimamente se lle da moita importancia é o informe PISA (Programme for International Student Assessment). Trátase dunha proba estándar de avaliación externa que se realiza a estudantes de 15 anos, na cal se mide o rendemento nas destrezas de matemáticas, comprensión lectora e de ciencias. Analizando os resultados dos últimos anos podemos apreciar que hai cinco países que sempre se encontran entre os primeiros postos, Canadá, Finlandia, Xapón, Corea do Sur e Nova Zelandia. Algo significativo do último informe é que dentro de España hai significativas diferencias entre os resultados do norte e do sur, encontrándose entre os primeiros postos os do norte. Porque ocorre isto? A educación recibida no norte é mellor que no sur?
Despois de ver como funciona a educación nos cinco países que están entre os primeiros postos, podo entender porque motivo acadan estes postos. A verdade é que a maioría das medidas adoptadas nestes países deberían de aplicarse en España, non todas pero si gran parte delas e así melloraría a calidade educativa do noso alumnado.
Dende o meu punto de vista o modelo que recolle os puntos fortes da educación nun país é o canadense. Para comezar o sistema educativo non é a nivel nacional como ocorre en España senón que é por provincias, cada provincia lexisla e coordina os seus estudos e cada Consello Escolar establece o seu propio currículo. Polo tanto con isto aténdense ás necesidades específicas do alumnado e a diversidade nos centros algo que é primordial. A educación é gratuíta e o diñeiro que se lles concede ós centros vai en función da situación, do número de alumnos e das necesidades especiais, algo que debería de ser así aquí e non darlles diñeiro que a veces non xestionan adecuadamente porque se ten que gastar durante o curso escolar. Penso que a educación obrigatoria debería de ser sempre gratuíta e subvencionada polo goberno para que haxa igualdade de oportunidades para todos.
Un punto salientable que me chamou á atención é a educación social e emocional, educan ós alumnos na igualdade, na empatía e na solidariedade é dicir educación en valores, para así previr o acoso escolar que sofren os alumnos nos centros hoxe en día e que vai en aumento.
E xa como último punto importante estaría a atención á diversidade e o bilingüismo. No tocante á diversidade reciben diñeiro para aqueles alumnos que necesitan educación especial, ademais de poder permanecer na mesma aula ou ir para outra. Coido que isto é significativo, que poidan contar cun mestre de apoio, ó igual que os inmigrantes que contan con programas de acollida nos que teñen un coordinador que os pode atender por completo. Penso que en España aínda queda moito por facer con respecto á diversidade e poderían aplicar algo parecido xa que cada día máis xente emigra debido a motivos persoais, guerras ou outros, e cando non coñeces o idioma calquera axuda por parte do centro é ben acollida.
Danlle moita importancia ó bilingüismo, xa que na constitución se recoñecen como idiomas oficiais o inglés e o francés e o dereito a escolarización nas dúas linguas. Penso que en España non se lle dá a importancia necesaria ó bilingüismo e deberíase tomar algunha medida ó respecto para que a situación mellore, por exemplo ampliar as horas obrigatorias da primeira lingua estranxeira.
Do modelo finlandés destacaría o número de alumnos por clase que non pode ser de máis de 24, que facilita unha mellor educación dos alumnos ademais de ser individualizada e persoal, para así acadar os obxectivos da materia ou o nivel que se lles esixe. Sen embargo o modelo coreano e xaponés penso que son modelos moi estritos no senso de que non poden fracasar e case non teñen vida social e non desfrutan da súa xuventude, ademais da educación tamén se debe formar a seres humanos e non máquinas. Aínda que si que teñen algúns puntos que tamén son interesantes, non todo é malo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario